Novas enerxías para novas sociedades

Texto e foto de portada: Diego López Barreiro | Versión en castellano

Deixa aos fillos un mundo mellor. Ese sexa tal vez un dos lemas máis repetidos ao longo da Historia, sobre todo desde o famoso Informe Brundtland de 1987. E ten a súa parte de verdade. Aínda que ultimamente se apele máis a esa frase como argumento para enganar á xente, para xustificar que haxa que traballar máis anos, que haxa que recibir menos pensións, menos servizos sociais… Dinnos que o estado do benestar ten que facerse “sustentábel”. Podándoo. “Vivimos por riba das nosas posibilidades”. Xa sabedes, esas cousas.

Pois hoxe tamén imos falar de sustentabilidade. Mais doutro tipo. Probabelmente non da mesma sustentabilidade da que falan “eles”. De como, efectivamente, deixar un mundo mellor ca o que temos recibido, se é que iso é posíbel. Polo menos, deixar un mundo non tan estragado.

E é que os problemas non tardarán en chegar. Lévase a dicir décadas: o petróleo vaise rematar. E estamos a facer cumio nestes momentos (anos arriba, ano abaixo) no pico de Hubbert, o seu teito de produción. Ben, coa cantidade de conflitos e desgrazas que o petróleo ten xerado, a súa fin non debería de se contemplar coma un problema, senón coma unha beizón. Sobre todo se nos preparamos para el coma é debido. En apenas 250 anos levamos consumida a metade máis accesíbel e de mellor calidade deste combustíbel. Coidado, temos un Leviatán peor, silandeiro, a agardar a súa quenda: o fracking. Mais non corresponde hoxe falar diso.

Outro tema ao que haberemos de nos enfrontar, probabelmente antes ca á fin do petróleo, é a fin do fósforo. Estímase que poden quedarnos reservas para uns 30 anos de fósforo. Ben, vaia problema, non? Ninguén fala del, non parece algo tan preocupante. E, porén, éo. Antes ca consumir diesel co noso coche, temos que facer algo máis primordial: comer. Temos un mundo cunha poboación que medra exponencialmente. E esa poboación quere comer, e para comer hai que fertilizar a terra. Fósforo, nitróxeno, etc.

En definitiva, que se nos vén enriba unha tormenta. Qué preguiza, non si? Pasar por un tempo de crise é un marrón que pouca xente quere comerse, sobre todo coa que está a caer. Pero haberá que facelo, á fin e ao cabo. E como o facemos? Como nos enfrontamos ao problema enerxético e demográfico? Moi sinxelo (e moi difícil): recuperando soberanía. Supoño que soará  curioso: como un concepto tan vencellado ao vocabulario político pode ser de utilidade en problemas de vertente máis tecnolóxica? Ben, desenganémonos: pasaron xa un par de milenios desde que Aristóteles definise ao ser humano como “animal político”. E non semella que a cousa teña mudado moito desde entón: somos política en tanto que somos, e así a política inunda todas as facetas da nosa vida. Mais non vos confundades: falamos da política de verdade, coma feito consustancial ao ser humano e a súa vida en sociedade. Non ese teatrillo que vemos e ouvimos a diario, esa alienación do concepto “política” que practican nas institucións.

Pé de foto

Cartel de Castelao para o Referendo de Autonomía de Galiza (1936), onde xa se representaba a división do traballo e os beneficios do agro galego.

Cando falo de soberanía, non o fago meténdome en rifas doutra índole, de nacións e nacionalidades. O territorio dos sentimentos é moi ceive, e cada un pode e debe sentirse de onde lle pete. Aquí falamos de soberanía coma unha necesidade de supervivencia. Soberanía alimentaria, soberanía agrícola, soberanía industrial, soberanía enerxética. Entre outras.

Nos derradeiros anos vimos de ceder a nosa soberanía en moitas parcelas, e os beneficios diso teñen sido escasos (para nós): temos cedido, por exemplo, a nosa soberanía agrícola e gandeira á Unión Europea (UE), que a emprega de forma perversa. E se non, que llo vaian preguntar aos gandeiros que teñen que vender o leite por debaixo dos custos de produción. Temos cedido a nosa soberanía enerxética a grandes oligopolios, que non retornan os beneficios aos territorios dos que expolian enerxía. Vimos de perder, en resumo, a capacidade de decidir sobre o noso, cedéndolla a xente que non está a facer un uso responsábel dela. E para eles ten sido un negocio redondo. “A soberanía incomoda”, é un “obstáculo a saltar”, dicía en 1971 Eduardo Galeano no seu fabuloso Las venas abiertas de América Latina. E que vixente segue!

Pé de foto

Unha xestión sustentábel do sector agrario e forestal pode traer numerosos beneficios a nivel rexional. Foto: Diego López Barreiro

Unha xestión alternativa da biomasa coma catalizador do cambio social

Non temos unha resposta a día de hoxe a como solucionar os problemas de escaseza de enerxía aos que non enfrontamos, nin como alimentarmos as bocas dunha poboación en aumento, cuns territorios cada vez máis consumidos e ermos. O fornecemento enerxético do futuro moi probabelmente non virá dunha soa fonte, senón que ha ser un mix de enerxías. E non hai ningunha mellor ou peor ca outra: precisamos de todas, e hai que coidalas e, por riba de todo, desenvolver as tecnoloxías para o seu aproveitamento. E hoxe falaremos dunha delas: a biomasa. E como unha xestión alternativa pode mudar a realidade social.

A Terra recibe do sol nunha hora máis enerxía da que consome nun ano. Esa enerxía pode empregarse de moitos xeitos, e un deles é almacenala, coma fan as plantas ao medrar. Reciben luz solar, e almacenar aproximadamente un 1% da enerxía desa luz ao facer a fotosíntese e capturar o CO2 da atmosfera. E a utilidade da biomasa é que está feita maioritariamente de carbono, ao igual ca o petróleo. E carbono é o que precisamos para producir, entre moitas outras cousas, biocarburante.

Pode semellar confuso que queiramos reducir as emisións de CO2, e ao mesmo tempo esteamos a desenvolver combustíbeis que ao se queimaren emitirán de novo CO2 á atmosfera. A diferenza entre queimar petróleo e queimar biomasa é que a biomasa capturou previamente CO2 da atmosfera para medrar. Ao queimarse, emitimos un CO2 que xa estivera na atmosfera, e que será empregado en poucos anos por novas plantas para medrar. Por tanto, estamos nun ciclo pechado de carbono, ao contrario do petróleo, que libera á atmosfera CO2 que levaba almacenado milenios baixo terra.

Pé de foto

O desenvolvemento de tecnoloxías de aproveitamento da biomasa requerirá investimentos sostidos en investigación. Foto: Diego López Barreiro

Hai diferentes formas de obter enerxía a partir de biomasa. A máis sinxela é queimala, pero pode, mediante outros procesos químicos ou biolóxicos, converterse en (bio) etanol, diesel, oil, gas… Todo depende do proceso elixido, e da composición da biomasa utilizada. Ademais de enerxía, proporciona un coproduto con tanto ou máis valor incluso: os nutrintes que a biomasa fixa ao medrar, e que poderían reutilizarse para fertilizar a terra e facer medrar nova biomasa. Iso sen contar con que as células da biomasa son verdadeiras factorías químicas dunha gran eficiencia, capaces de producir bioplásticos, colorantes, complementos nutritivos, compostos farmacéuticos…

Ben, contado así é unha historia moi bonita. E porén, seguimos sen usar a biomasa na forma e cantidade que deberiamos: os procesos de conversión da biomasa non están plenamente desenvolvidos, e requiren todavía dun alto grao de estudo e investigación, aínda que a súa eficiencia se teña incrementado enormemente desde que os seres humanos dominamos a biomasa coma primeira fonte de enerxía. Ademais, non debemos deixarnos enganar: a bioenerxía debe obterse no mesmo sitio onde se produza a biomasa. De nada serve queimar en España pellets importados, polo consumo de combustíbel que representa esa importación (por moito que os mercados digan que é economicamente rendible). Estariamos a crebar o primeiro principio que debemos obedecer: a sustentabilidade. É decir, que sexa biomasa non quere dicir que sexa bo. Todo depende do contexto. Tampouco convén perder de vista que esta aventura non consiste en cambiar todo para que todo siga igual: non se trata de (nin será posíbel) substituír todo o consumo de combustíbeis fósiles con biocombustíbeis. A solución ao problema non virá só da man da bioenerxía. Outras fontes renovábeis serán precisas, e sobre todo xogarán un papel decisivo a eficiencia e o aforro enerxético.

Pie de foto

Algúns tipos de biomasa poden, en poucos días, fixar grandes cantidades de CO2 e nutrintes. Foto: Diego López Barreiro

Outro tema de relevancia ética é que tipo de biomasa empregar, porque estamos entrando no terreo da discusión “alimentos versus combustíbel”. É moralmente rexeitábel cultivar biocombustíbeis en terreos que deberían de se empregar para producir alimentos. É por iso que só a biomasa non comestíbel pode ser empregada para producir biocombustíbeis. Pero non hai de que se preocupar, as posibilidades de elección son amplas: temos plantacións e refugallos forestais, temos algas, temos refugallos agrícolas…

O feito de que as tecnoloxias de aproveitamento e conversión da biomasa non teñan acadado a madurez é, paradoxalmente, a nosa gran sorte e a nosa gran oportunidade. Se tomamos conciencia da importancia de utilizar a biomasa axeitadamente, poderiamos obter unha fonte de enerxía que sería, ademais, autóctona (ollo coas especies invasoras), local, descentralizada. E estariamos así a recuperar a soberanía sobre a nosa enerxía e a nosa terra, revitalizando ao mesmo tempo o rural. Cometeríamos un lametábel erro se permitísemos que grandes oligopolios tomasen as rendas do negocio da bioenerxía para, ao igual ca co petróleo, volver alonxar os centros de riqueza dos centros de xeración. Precisamos reter para nós o control sobre o desenvolvemento desta fonte renovábel. Vainos moito nelo.

Xunto ao reto tecnolóxico, enfrontámonos tamén a un reto social. Resulta evidente que a biomasa dunha simple leira non ha bastar para quentar a nosa casa e mover os nosos vehículos, e tampouco que cada un poderá instalar unha biorrefinaría no patio traseiro da súa casa. O uso eficiente da biomasa vai requerir do esforzo colectivo de propietarios da terra, e o desenvolvemento dun sentimento social e de compromiso. Haberá que deseñar entidades de territorio que permitan unha xestión axeitada da biomasa, de tamaño reducido (probabelmente de dimensións semellantes a unha bisbarra actual). Esas entidades poderían centralizar a recollida de refugallos forestais ou agrícolas aproveitables (os non necesarios coma substrato biolóxico para fertilizar o chan e manter as súas condicións de humidade), e empregalos para obter enerxía e nutrintes. Iso habería redundar inevitabelmente nuns bosques máis coidados, e con menor risco de lumes. Un bosque que, mellor xestionado, permitiría xerar maior riqueza. Sirva coma dato o estudo publicado en 2013 pola Fundación Barrié de la Maza sobre o uso do monte galego, que estimaba que unha xestión axeitada do mesmo tería un impacto positivo de 2700 millóns de euros.

Pie de foto

O uso eficiente da biomasa vai requerir do desenvolvemento dun sentimento social e de compromiso comunal. Foto: Diego López Barreiro

Cooperación, por tanto. Ese é o único vieiro que nos ha permitir mudar o modelo enerxético, xestionar autonomamente os nosos montes e as nosas fontes de enerxía. Que non agardemos a que algún outro veña solucionar os nosos problemas. Porque alguén farao, e seguramente os seus intereses e os da colectividade diverxan. Trátase de elixir se queremos poucas corporacións gañando moito diñeiro con enerxía contaminante, ou se queremos unha enerxía limpa, descentralizada, que xere riqueza onde se produza. Non nos equivoquemos: non se trata de demonizar ao empresariado. Para o empresario que arrisca os seus cartos, xera emprego e redistribúe a riqueza, todas as facilidades do mundo. Mais para os oligopolios que manipulan os mercados e expolian países e os despoxan dos seus medios de supervivencia, ningunha.

No estado español xa hai varios exemplos de cooperativas enerxéticas, grupos de xente concienciada medioambiental e socialmente que decidiu asociarse para producir a súa propia enerxía, limpa, renovábel, sustentábel. Nomes coma Som Energia, Nosa Enerxía, a comunidade veciñal de Xinzo (Ponteareas) ou GoiEner son historias de éxito, de xente que non quixo agardar a que as cousas mudasen por si soas, senón que dicidiron abandeirar o cambio de modelo enerxético e empezar a xerar a súa propia enexía. Pero son sobre todo historias que amosan que hai outro camiño, apartado da “verdade oficial”.

Por tanto, o proceso non é sinxelo, e require cambios non só tecnolóxicos, senón tamén de conciencia social. Precisa de que nos convirtamos de vez en individuos que exerzan a súa cidadanía de forma plena. Un acto de empoderamento cidadán auténtico. Requeriranse esforzos sostidos en investigación, e unha grande dose de compromiso. Ninguén di que vaia ser sinxelo. Pero a recompensa é valiosísima, e o camiño, apaixoante. Só así chegaremos a saber se os altermundistas de Porto Alegre estaban no certo cando proclamaban aquilo de  “Um outro mundo é possível”.


Diego López Barreiro é investigador no eido do aproveitamento enerxético e sustentable da biomasa na Universidade de Gante (Bélxica) e no Instituto Tecnolóxico de Karlsruhe (Alemaña).